Cultura megalítica (IV milenio a. de C.)
Na provincia de Lugo, a comarca da Terra Chá é un destacado enclave no que a restos arqueolóxicos deste período se refire, existindo no termo municipal de Begonte, no que estivo integrado Rábade, vestixios de ata 50 mámoas, é dicir, túmulos en forma de casquete esférico realizados con terra, ... (seixos) e pedra, que ten a función de recubrir e illa-las estruturas de enterramento. Deste período megalítico proceden tradicións e lendas arraigadas na nosa cultura popular.
Cultura castrexa (dende a idade de ferro ata a romanización)
Non existen restos arqueolóxicos en Rábade, pero a toponimia recolle dende séculos atrás a denominación "Lugar ou Sitio do Castro", o que nalgúns lugares de Galicia se corresponde con antigos poboamentos destas características. Pero no caso de Rábade só é unha conxectura.
Etapa romana (ata o s. V de C.)
Rábade está en relación co armazón viario terrestre que estableceron os romanos utilizando en moitos casos antigas vías megalíticas e castrexas. Polas inmediacións de Rábade transcorreu a denominada vía XX que unía Braga e Astorga, que seguía dende o río Ulla pola costa coruñesa ata Betanzos para continuar despois en dirección sudés cara a Lugo (tramo que afectaría a Rábade) e Astorga. Aínda que os itinerarios concretos das vías romanas son obxecto de discusión entre os especialistas, Rábade aparece relacionado coa que mencionamos.