Fondo cabecera Concello de Rábade

Historia medieval

Rábade figura nos itinerarios medievais, concretamente nos traxectos que unían Vilalba e Rábade, por un lado, e Rábade e Parga, por outro (este último está relacionado coa antiga vía romana Betanzos¿Lugo).

Na idade media está datada a ponte antiga de Rábade, concretamente nos séculos XIII¿XIV, e sobre esta ponte establecerase a portaxe ou pago por dereito de paso.

Da etapa sueva conservamos, en relación con Rábade, a tradición popular de Astariz, aldea próxima ó noso Concello, que segundo a lenda tivo durante esta época as súas propias autoridades, de aí a denominación de "Coto Real", e coñecemos que segundo varios autores na delimitación administrativa e eclesiástica que se estableceu nesta etapa sueva, Rábade estaba integrado no chamado Condado de Sobrada ou "Superata".

En canto á herdanza visigótica consérvase no Museo Diocesano de Lugo unha lápida sepulcral localizada nas proximidades de Rábade.

Durante os séculos X e XI Rábade era unha unidade xeográfica e de poboación definida, pero difícil de delimitar, onde se situaba unha vila e diversas propiedades.

Durante estes dous séculos a vila de Rábade estivo relacionada nalgúns momentos co dominio do mosteiro de Sobrado que tiña enclaves dispersos xeograficamente, e que en Rábade orientaba a explotación cara ós pomares (plantacións de maciñeiras) e as pesqueiras fluviais.

Isto relaciónase co contexto xeral determinado pola reconquista e as novas colonizacións. A organización estaba delegada pola monarquía na Igrexa e na aristocracia.

Durante os séculos XI¿XIII o territorio está fragmentado en numerosas circunscricións que están debaixo da autoridade de mordomos ou representantes dos nobres ou da monarquía, e organízanse en explotacións espalladas ó redor das vilas.

No ano 1029 o mordomo da vila de Rábade sublévase contra o rei e busca a protección do conde Rodrigo Romániz.
Coa intensificación da fragmentación territorial medran o número de castelos e proliferan as revoltas aristocráticas en contra da monarquía.

No ano 1078 o bispo de Lugo recupera, grazas a unha sentenza do rei Alfonso VI de Castela e León, os condados e territorios (entre eles Rábade) que lle arrebatara o conde Ovéquiz nas permanentes loitas polo poder político sostidas entre a Igrexa, a nobreza e a coroa.

Durante os séculos XII e XIII o territorio galego divídese en numerosos coutos baixo a xurisdición señorial, entre eles os de Carral, Saavedra, Taboi, Astariz, Cela ou Aguiar moi próximos a Rábade.

Entre os séculos XIV e XV varias liñaxes familiares señorean na zona de Rábade, establecendo as súas casas solainas. Son os de Rábade, Aguiar, Gaioso, Montenegro, Parga, Saavedra, Baamonde e Ribadeneira.

Un cronista da época recolle como no século XV, nos anos posteriores ás Revoltas Irmandiñas e á execución do famoso Mariscal Pardo de Cela, se produce unha "fazaña militar" chamada da "Ponte Ravade" en Rábade (vinculada ó asedio á próxima fortaleza de Caldaloba), reinando xa os Reis Católicos.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Rábade
Concello de Rábade
Rábade - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 390 062 / 982 390 952 | Fax: 982 390 411
E-mail: concello.rabade@eidolocal.es