Fondo cabecera Concello de Rábade

Idade Moderna

Durante o século XVIII construíuse o Camiño Real que uniría A Coruña con Madrid. Entra en Galicia por Pedrafita, pasando por Rábade e chegando finalmente ó Porto da Coruña.
Durante estes séculos Rábade era unha freguesía que se integraba na xurisdición de Outeiro de Rei, que pertencía ó señorío da Casa de Lemos e que se incluía no partido chamado de Entrambas Augas, todo no marco da provincia de Lugo. Unha das sete provincias nas que se estruturaba o chamado Reino de Galicia.

Desta época consérvase abundante documentación. Entre ela destacan numerosos expedientes xudiciais tramitados diante da Real Audiencia polos veciños da xurisidición de Outeiro de Rei que buscaban nesa institución as garantías xudiciais que non lles ofrecían os xuíces señoriais.

Durante esta etapa os habitantes de Rábade eran maioritariamente traballadores do campo (xornaleiros ou colonos), do que obtiñan os medios para subsistir e pagarlle-las súas rendas á Casa de Lemos, á Igrexa e á coroa, completando en ocasións os seus ingresos con outros oficios como mesoeiro, arrieiro ou artesán.

Naquela época a paisaxe de Rábade estaba distribuída en agras de centeo, hortas, monte e liñares no río. Os seus veciños establecían as relacións sociais no marco da tradicional parroquia, na que se canalizaban os aspectos derivados non só da vida material, senón tamén da espiritual (importancia das confrarías).

A chegada do ferrocarril no século XIX transformará xa para sempre o sistema de vida dos habitantes desta parroquia, ancorada nos usos e costumes máis tradicionais da época.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Rábade
Concello de Rábade
Rábade - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 390 062 / 982 390 952 | Fax: 982 390 411
E-mail: concello.rabade@eidolocal.es