Fondo cabecera Concello de Rábade

Época Contemporánea (S. XIX)

O século XIX foi o século do ferrocarril para Rábade.
En 1875 inaugurouse o tramo Lugo¿A Coruña con estación de parada en Rábade, incluído na liña Palencia¿A Coruña que construíu a Compañía do Noroeste.

Politicamente este século abriuse para Rábade, como para o resto de España, cun episodio bélico, a Guerra da Independencia contra os franceses.

Rábade, estratexicamente situada no camiño que se dirixe cara á Coruña, viuse afectado polo paso das tropas napoleónicas dos mariscais Ney e Soult na súa persecución do exército do xeneral Moore que se retiraba cara ó porto da Coruña, onde se desenvolvería a Batalla de Elviña.

Despois das Cortes de Cádiz comezou a desenvolverse o marco lexislativo que configuraría a formación dos concellos constitucionais.

Rábade (parroquia de San Vicenzo de Rábade) integrouse primeiro no Concello de Outeiro de Rei (R.D. 23 de xullo de 1835) e posteriormente no de Begonte (reforma de 1840).

Non é ata 1925 cando Rábade se converte en Concello independente ó segregarse do Concello de Begonte.
O século XIX caracterízase pola conflitiva convivencia da herdanza derivada do antigo réxime e as novidades implantadas ou proxectadas polo liberalismo. Así, os habitantes de Rábade comezan o século pagándolle-las seculares rendas forais (aínda que é neste século cando se abre o camiño para a súa extinción) ós seus preceptores, pero entre 1862 e 1886 emprenden unha loita burocrática para intentar preservar das medidas desamortizadoras os montes comunais da parroquia, rematando o século aínda coa venda de bens nacionalizados pertencentes ó iglesario.

Rábade tamén se verá afectado polas Guerras Carlistas: en 1837 en Rábade está establecido un cantón militar dependente da comandancia xeral de Lugo; en 1838 organízase en Rábade unha factoría de abastecemento para o exército e en 1842 recóllese documentalmente a existencia dun acantonamento militar que dispón tamén de cárcere. Tamén na derradeira Guerra Carlista recóllese a existencia dunha facción carlista nas proximidades de Rábade, na zona de Outeiro de Rei (1873).

É o século XIX un século de cambios e proxectos que marcarán o final dunha longa época, a do antigo réxime.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Rábade
Concello de Rábade
Rábade - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 390 062 / 982 390 952 | Fax: 982 390 411
E-mail: concello.rabade@eidolocal.es