Os servizos sociais de atención primaria, enmarcados xuridicamente pola Lei galega de servizos sociais, e pola Lei de bases de réxime local, son o nivel máis próximo ó usuario e constitúen a canle normal de acceso a este e outros sistemas de protección.
Están dirixidos á poboación en xeral. Teñen por obxectivo un nivel de protección social que sexa capaz de garanti-la integración de tódolos seus membros no sistema de igualdade do que gozamos.
A súa actividade diríxese a tódolos sectores da poboación, facendo, quizais, un especial fincapé na terceira idade por ser este un grupo cun gran peso numérico dentro do Padrón de Habitantes, representa o 32,7% do total da poboación deste Concello.
PERSOAL
O departamento conta cos servizos dunha traballadora social de luns a venres, en horario de atención ó público de 9:00 a 14:00 horas. Así mesmo, o programa de axuda a domicilio dispón dunha auxiliar, de luns a venres, en xornada completa.
OBXECTIVO XERAL
Acercar a tódalas persoas deste Concello os servizos sociais e as súas prestacións básicas, así como tódolos programas e actividades específicos que se teñan deseñado.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
Dar cobertura en materia de servizos sociais a todas aquelas necesidades individuais, familiares ou de colectivos que xurdan abordándoas dunha forma integral.
Promove-la dinamización sociocultural, especialmente das persoas maiores con programas dirixidos especificamente a eles.
En definitiva, dende este departamento traballamos por mellora-la calidade de vida das persoas, por abrir unha conciencia de igualdade, solidariedade e participación cidadá de cara a unha convivencia máis integradora e máis xusta na pluralidade que nos enriquece.