O Goberno local do Concello de Rábade aplaude a iniciativa da artista Ana Cabanes Fontao coa que pretende achegar a arte a contornas rurais. En concreto, a moza afincada en Rábade foi seleccionada pola iniciativa "Nomes propios" para levar a cabo diversas exposicións urbanas de artistas emerxentes vinculados a Galicia por diferentes puntos da xeografía galega, un deles no noso Concello.
En concreto, no caso de Rábade, Ana Cabanes foi a encargada de colocar cinco traballos de artistas emerxentes nun espazo público de libre acceso para os veciños e veciñas, como é o exterior da estación do tren. Deste xeito, explica, ¿levamos a obra ao espectador, sen a necesidade de que teña que achegarse a un museo¿.
A maiores, a iniciativa pretende achegar a arte destas figuras emerxentes aos pobos e ás vilas de Galicia, unha iniciativa que saúda o equipo de Goberno de Rábade que, confía, traia consigo novas colaboracións con Cabanes Fontao.
As obras, tanto escultóricas como de pintura, da artista que forman parte do proxecto ¿Nomes propios¿ pódense ver nos concellos de Santa Comba e A Guarda. Os cinco traballos que poden verse na estación de tren de Rábade son propostas doutros artistas galegos que, coma ela, buscan achegar a arte a contornas rurais.
Cabanes Fontao é graduada en Belas Artes e vén de ser recoñecida pola Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo co Premio Extraordinario ao mellor expediente académico polos seus estudos de serigrafía. As súas obras están inspiradas na natureza, polo que ten no Concello de Rábade un espazo excelente para a súa creación.